CC.OO. e UGT chaman a manifestarse este domingo para pedir un consenso polo emprego
Por
Este domingo ás 11:30 da mañá, os sindicatos CC.OO e UGT organizaron unha nova manifestación para reclamar un gran consenso polo emprego e a protección social. Partirá da Praza da Ferrería e rematará ante a Subdelegación do Goberno.
Os secretarios comarcais José Luis García Pedrosa de CC.OO. e Ramón Vidal de UGT sinalaron que esta marcha que se organiza noutras cidades españolas ten como principal obxectivo que a Unión Europea cambie as súas actuais políticas e se converta nunha comunidade máis social e máis democrática.
Indican que neste momento só parece importar o gran capital e que en España, Mariano Rajoy "é un alumno aventaxado para aceptar estas políticas que están a rematar co emprego estable".
García Pedrosa indicaba que "a protesta na rúa é a única vía para rematar con esta situación de inxustiza".
Neste sentido, Ramón Vidal sinalou que se estuda a posibilidade dunha nova folga xeral se o Goberno rompe o consenso e se baixan as pensións. Ademais criticaron a política de propaganda da Xunta de Galicia sen resultados efectivos.
Ambos os dous dirixentes apuntaron, ademais, a que sería positivo convocar ao Consello Económico e Social (CES) como solicita a Asociación de Novos Empresarios (AJE) ante as dificultades económicas e de financiamento nas que se encontran as pequenas e medianas empresas.