3.000 escolares pontevedreses aprenden a previr delitos dende o cole
Por Natalia Puga
A prevención de condutas violentas no ámbito escolar, a mellora da vixilancia policial nas inmediacións dos colexios e a cooperación policial coas autoridades educativas. Son os obxectivos principais do Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar posto en marcha polo Goberno estatal e este curso académico chegaron a máis de 3.000 escolares pontevedreses.
O plan é froito dun convenio de colaboración entre os ministerios de Educación e Interior e no caso de Pontevedra capitanéao a delegada de Participación Cidadá da Comisaría Provincial, Ruth Martín. Dende principios do curso académico 2012-2013 percorreu os centros educativos do municipio para explicar a iniciativa e, segundo indican dende a Policía Nacional, o traballo tivo "excelentes resultados".
Co fin do curso escolar á volta da esquina, fontes oficiais da Comisaría explican que Ruth Martín actuou "nexo de unión entre os centros e dependencias policiais" e grazas a esta intervención "resolvéronse ao longo do curso varios problemas puntuais en materia de seguridade dun xeito rápido, personalizada e axustado ás circunstancias de cada centro".
"Resolvéronse ao longo do curso varios problemas puntuais en materia de seguridade"
Engaden que, deste modo, o servizo que ofrecen as Forzas e Corpos de Seguridade ao cidadán "se torna máis eficaz e directo", ademais de "reforzar a importante tarefa de prevención" entre os menores.
O Plan, asinado no ano 2007, renóvase cada dous anos e dende a Comisaría sinalan que "cada vez goza de máis éxito". Reflexo diso é, no caso de Pontevedra, o aumento progresivo de solicitudes por parte dos centros escolares.
En actividades vinculadas a este plan incrementouse a vixilancia policial durante as horas de entrada, saída e recreos e leváronse a cabo varias exhibicións policiais en múltiples centros educativos da cidade, así como impartido charlas en todos os colexios que así o solicitaron.
A temática destas conferencias vai dende os riscos na Internet ao acoso escolar, as drogas e o alcohol, a violencia de xénero ou o racismo e a xenofobia e van dirixidas tanto a alumnos coma a pais para que estean informados dos distintos temas que poden afectarlles e así previr males futuros. No caso dos pais, a charla máis demandada foi a vinculada aos riscos na Internet, debido, segundo a Policía Nacional, "ao temor e descoñecemento que teñen sobre as novas tecnoloxías".
Relacionadas:
-
Xulgan un soldado da Brilat por colgar o teléfono da súa ex moza na web "Vecinitas Infraganti"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
"Os menores son os máis vulnerables aos riscos de Internet en parte porque os pais non controlan as novas tecnoloxías"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga |
-
Os escolares aprenden que o racismo pode rematar en delito
Por Redacción |