"Os menores son os máis vulnerables aos riscos de Internet en parte porque os pais non controlan as novas tecnoloxías"
Por Mónica Patxot & Natalia Puga
Ruth Martín é a nova responsable de Participación Cidadá da Comisaría da Policía Nacional de Pontevedra. Dende o inicio do curso escolar imparte charlas divulgativas nos centros educativos da cidade nos que intenta previr os menores sobre os riscos de converterse en vítimas de delitos cometidos a través de Internet, de acoso escolar, do consumo de drogas e alcohol ou de bandas xuvenís e racismo. Cada colexio elixe sobre que quere que se preveña os seus alumnos e este xoves 7 de marzo acudiu ao CEIP Campolongo para advertir sobre os riscos vinculados ao uso da Rede. Detectou que "hai nenos que cren que no seu cuarto dende o seu ordenador non poden facerlles nada, non poden collelos" e nas súas charlas trasmítelles "que o xuíz os pode castigar" e "que saiban que por estar no cuarto sen que ninguén os vexa non son impunes".
Como responsable de Participación Cidadá, nos últimos meses deches varias charlas en colexios da cidade. Con que obxectivo se fan estas actividades da Policía Nacional cos nenos?
Estas charlas son froito dun acordo entre o Ministerio de Educación e o Ministerio do Interior co fin da prevención. Os temas a tratar a parte dos riscos de Internet son o acoso escolar, que tamén é importante, drogas e alcohol, bandas xuvenís... Temas que a eles lles afectan de cheo. Para previr que nun futuro nós teñamos que actuar facemos tarefas de prevención. O Plan Director é dende quinto e sexto de Primaria ata Bacharelato, dende nenos de 9-10 anos ata xente que xa está a punto de empezar a Universidade. Os centros escollen que charla queren e a dos riscos de Internet é a que máis piden, sobre todo, para os máis pequenos, para evitar que teñan algún tipo de problema máis adiante.
Cal é o colectivo máis vulnerable aos riscos asociados aos usos de Internet?
Eu creo que os menores, pero tamén, en parte, porque os pais non controlan as novas tecnoloxías. Hai moitos pais que apenas teñen coñecementos de Internet e do ordenador e non saben a que riscos se enfrontan os seus fillos. Entón, o neno conéctase, ao mellor ten o ordenador no seu cuarto e o pai non ten nin idea do que está a facer o neno.
Que medidas preventivas se deben tomar para que os nenos non acaben sendo vítimas dun delito cometido a través de Internet?
O principal perigo é o ordenador. Se o neno non é o suficientemente maduro, que estea nun lugar común, para que os adultos poidan controlar o que está a facer en cada momento. Logo, os descoñecidos; hai que dar a mínima información persoal posible; nome, apelidos... non os meter en ningunha páxina, nin en redes sociais nin nada. E logo, pois non crer todo o que hai en Internet porque aí pode escribir calquera, poden consultar páxinas que fan apoloxía da violencia, da anorexia, do racismo... hai certas cousas que os menores non deben ver. Ademais, se xa nos estafan aos adultos, os menores mesmo máis, que cren con máis facilidade o que lles envían por correo ou por Facebook ou...
Cales son os delitos que se están a rexistrar con máis frecuencia entre os menores a través de Internet?
Como vítima, temos problemiñas, por exemplo, coas redes sociais. Uns fanse pasar por outros, hai insultos, ameazas a través das redes e logo iso queda aí escrito para sempre. E logo hai que ter moito ollo cos pederastas, que nas redes sociais ou mesmo en xogos on-line poden conseguir sacarlles fotos, sacarlles información ou mesmo quedar con eles. Eu isto creo que en Galicia tampouco se dá demasiado, é o que se coñece como o 'grooming'.
Os alumnos aos que impartes as charlas son tanto posibles vítimas coma posibles agresores. Como abordas esta circunstancia á hora de falarlles dos riscos de Internet?
Efectivamente. Eu ao principio póñome no lugar da vítima para que sintan un pouco de empatía, pero logo remato sempre, para meterlles un pouco de medo, coas medidas que se lle poden poñer aos menores en caso de que infrinxan a lei. Por se hai algún agresor entre eles de calquera tipo, póñolles as medidas que a Lei do Menor ten para estes delincuentes menores.
Fan efecto? Con toda esta información evítanse posibles delitos que estes menores cometan ou sufran a través de Internet? Os menores, por dicilo así, asústanse?
Eu creo que si. Algún teño a esperanza de que si. Ás veces tamén por descoñecemento cren que no seu cuarto dende o seu ordenador non poden facerlles nada, non poden collelos e que saiban que si, que hai maneiras de investigalo e que efectivamente o xuíz os pode castigar por facer iso, que saiban que por estar no cuarto sen que ninguén os vexa non son impunes.
Pódese detectar un posible acosador por algún indicio ou comportamento?
O perfil do agresor pode ser un neno que teña pouco autocontrol da ira, a miúdo teñen baixo rendemento escolar, ás veces dáse que teñen problemas familiares, problemas graves. Adoitan ser menores que teñen máis forza física que o resto, ademais adoitan ser violentos xa non só cos menores, senón cos adultos. Hai algúns indicios, mesmo tamén para as vítimas. Cando o menor empeza a non querer ir a clase, busca cualquer escusa para quedarse, facéndose que está enfermo, vén con material roto, ten mareos, nauseas, vómitos, baixa o seu rendemento escolar... son indicios de que pode estar a ser vítima dun acoso escolar.
Hai máis vítimas nenos ou nenas ou non ten que ver o sexo?
Non, eu creo que afecta por igual. A vítima hai moitos psicólogos que din que non ten un perfil definido, que calquera persoa pode ser vítima. Ás veces dáse o caso de que son estranxeiros ou que están un pouco máis gordiños ou que teñen lentes e se meten con esa persoa por iso, pero non ten por que.
Relacionadas:
-
"Vale más un por si acaso que un ¡Válgame Dios!"
Por Natalia Puga |
-
Unha menor pontevedresa, no punto de mira dun 'ciberdepredador' que a coaccionaba desde Málaga
Por Redacción |
-
3.000 escolares pontevedreses aprenden a previr delitos dende o cole
Por Natalia Puga |
-
A Policía da consellos ás personas maiores: "en Internet cualquiera puede ser estafado"
Por Natalia Puga |
-
Detido por ameazar e coaccionar unha menor por Tuenti, Facebook e Whatsapp
Por Redacción |