Operarios municipais e comuneiros colaborarán para axeitar o parque forestal do Pontillón
Por Alejandro Espiño
O parque forestal do Pontillón do Castro verá renovado o seu aspecto. A partir dos primeiros días de maio, o Concello de Pontevedra e a comunidade de montes de Verducido colaborarán para que todo este ámbito natural recupere o seu esplendor.
Será unha actuación silvícola valorada en 7.254 euros que permitirá acometer labores de poda nas catro hectáreas do parque e a eliminación de matogueira, especialmente toxos, silvas e fieiros, que invaden a zona de lecer.
Ademais, se podarán especies de frondosas e coníferas dentro das áreas acoutadas mediante cerramento con postes de madeira e tamén nos noiros e marxes de acceso, sinalizacións, construcións, asadeiros, zonas de merenda e aparcadoiros
O goberno municipal asegura que na actualidade non é preciso realizar actuacións de gran calado porque as árbores do conxunto do parque atópanse en bo estado, pero si é preciso un tratamento silvícola para manter este espazo natural de alta calidade nas mellores condicións.
Así, da man da comunidade de montes e coa implicación da veciñanza de Verducido, o Concello busca que este espazo natural siga a ser un punto de referencia para a parroquia e de esparexemento de todos os veciños de Pontevedra.