Os populares pedirán no pleno que se cumpra o mantemento do parque forestal do Pontillón
Por Redacción
O Partido Popular de Pontevedra levará unha moción ao próximo pleno municipal esixindo ao Concello que manteña en condicións "óptimas" o parque forestal de Pontillón do Castro, en Verducido.
Trátase, aseguran, dun compromiso adquirido polo goberno local "hai case unha década" coa comunidade de montes de Verducido, que cedeu ao Concello de Pontevedra un terreo de 10 hectáreas na zona por un período de 30 anos.
Neste acordo, explica o PP, o goberno local asumía o mantemento do parque forestal, o que supoñería realizar entre outras tarefas rozas manuais, mecánicas, podas, tratamentos fitosanitarios ou de fertilización.
"Case dez anos despois o goberno de Lores esqueceu os seus deberes e xa hai moito tempo que desde a comunidade de montes están a reclamar un mantemento limpo deste parque forestal", acusou o concelleiro popular César Abal.
Segundo a moción do Partido Popular, as actuacións de mantemento do parque forestal do Pontillón do Castro estímanse en 125.000 euros en base ao criterio dos servizos técnicos municipais.