Núñez Feijóo acompaña a Rafa Domínguez nun improvisado paseo por Pontevedra
Por Redacción
Varios comercios do centro histórico atopáronse este xoves cun cliente ilustre. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sen previo aviso, participou nun improvisado paseo pola cidade acompañado do candidato do Partido Popular á Alcaldía, Rafa Domínguez.
Xunto a Alfonso Rueda, Ana Pastor, Pilar Rojo e Pepa Pardo, ambos visitaron entre outros a florería Soportales 8, o Concept Store Las Merceditas de Iria ou a axencia creativa de deseño e márketing Iconweb.
O partido destacou que durante o paseo foron moitos os pontevedreses que se dirixiron ao presidente galego para saudalo.
A este respecto, Rafa Domínguez lembrou o importante traballo que desempeñan os comerciantes e as pequenas empresas de Pontevedra "ás que hai que apoiar e ofrecer facilidades".
Por iso, unha das súas principais apostas é un paquete de sete medidas para axudar ao desenvolvemento e sustentabilidade do comercio local.
Entre elas destacan a redución de impostos, a implantación do transporte público urbano, medidas en materia de formación, axudas á accesibilidade, modernización e reforma dos locais, a creación dun banco de baixos comerciais ou o impulso da oficina do comerciante que permita axudalos en calquera xestión que teñan que facer.