Naruhito saborea as Rías Baixas
![Redacción](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/506490f5a15ce-c6ku5opwb5qbtijalxd0_reasonably_small.jpeg)
Por Redacción
![](/web/cache/scene/uploads/fotos/foto/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjKxUipKLc6sStUxMjDQSU_/_7NK0kt0snNTEnJSVWyrgUA_/51b855570a479-almuerzonaruhitocasareal.jpg)
© Casa de S.M. el Rey / Borja Fotógrafos
A súa Alteza Imperial o Príncipe Herdeiro do Xapón, Naruhito, tivo oportunidade de achegarse ao sabor das Rías Baixas durante a súa viaxe a España. A pesar de que ata agora non se moveu de Madrid pola súa apertada axenda oficial na capital, ceou no restaurante Sanxenxo, un local de alta cociña fundado e rexentado por galegos e que utiliza para promoverse o lema 'Goza de Galicia en Madrid'.
Considerado, xunto ao outro restaurante do Grupo Combarro, un dos restaurantes galegos de máis luxo en Madrid, o Sanxenxo recibiu a Naruhito na noite do martes. Tras asistir á Gala Inaugural do Ano Dual España-Xapón no Teatro Real, o Príncipe deixouse caer por só por este restaurante da rúa José Ortega y Gasset, no barrio de Salamanca.
Estivo nas Rías Baixas sen moverse de Madrid, pois o Sanxenxo se vende na súa páxina web como "un local de luxo consagrado aos mellores peixes e mariscos galegos". Manuel Domínguez Limeres internouse no mundo da cociña no restaurante dos seus pais en Vigo, formouse logo en Madrid e París e en 1973 abriu o primeiro dos dous restaurantes do Grupo Combarro. En 1997 abriu o restaurante que elixiu Naruhito, que agora codirixe co seu fillo Diego Domínguez.
Non transcendeu o menú elixido polo Príncipe Herdeiro de Xapón, pero sabía a Rías Baixas sen dúbida, pois a cociña do Sanxenxo recibe diariamente dende Galicia peixes e mariscos de máxima calidade que preparan seguindo a tradición da terra. A cea ben puido estar regada por un bo albariño da D.O. Rías Baixas, pois os seus xefe de cociña e propietarios, Manuel e Diego Domínguez, ten dende 1990 a famosa adega de Meaño 'Valdamor'.
Manolo Combarro, como se coñece o fundador do Sanxenxo, viu recoñecida a súa pericia na cociña a nivel internacional con galardóns como o Premio Nacional de Gastronomía, o Gran Colar Gastronómico Internacional, Trofeo Internacional de México, a Medalla ao Mérito Turístico da Xunta de Galicia, o Percebe de Ouro ou a Centola de Ouro.