Coñeces Vilaboa? Descubre sete lugares imprescindibles
Vilaboa é un dos grandes descoñecidos das Terras de Pontevedra para os viaxeiros e viaxeiras. Para moitos, é tan só un lugar de paso cara á Ponte de Rande, pero este concello está nunha das paisaxes máis belas das Rías Baixas: a Enseada de San Simón, e conta cunha gran tradición mariñeira e moito que ofertar aos amantes da natureza a historia e a fotografía.
Neste artigo percorreremos algúns dos lugares e actividades que non te podes perder en Vilaboa. Esperamos que os goces na túa próxima viaxe ás Rías Baixas.
1- O PORTO DE SAN ADRIÁN DE COBRES
Arrancamos o noso percorrido por Vilaboa no porto de San Adrián de Cobres. Aquí atópase un tranquilo porto pesqueiro ao que se achegan a diario os barcos mexilloneiros para descargar os produtos recollidos nas bateas da contorna da Enseada de San Simón, así como unha moderna mariña e un par de restaurantes nos que gozar da gastronomía da zona con vistas sobre a Illa de San Simón.
Nas proximidades do porto atópase tamén a Igrexa de San Adrián de Cobres, cuxa orixe parece remontarse ao século XVI.
Non é o único porto interesante en Vilaboa e a el engádense numerosas calas e un par de praias de augas tranquilas e area dourada.
2- OS MUÍÑOS DE RIOMAIOR
Vilaboa conta con diferentes roteiros sinalizados, que percorren tanto a costa como o interior do concello. Un dos máis interesantes é o dos Muíños de Riomaior ou PR-G102. Este pequeno sendeiro lineal de 5 quilómetros de ida e volta parte da Casa da Cultura de Río Maior, debaixo dos piares da autoestrada, e sube bordeando o río Maior e o regato do Portiño ata alcanzar os 150 metros por riba do nivel do mar.
Os 34 muíños que se atopan ao longo do percorrido foron restaurados case na súa totalidade e permítennos pasear polo bosque de ribeira galego nun sendeiro de dificultade baixa e numerosos lugares de descanso, sen que se perciba a proximidade das casas ou da autoestrada, mais aló dos primeiros metros iniciais.
3- CHAN DOS AREEIROS
Vilaboa conta cun máis que interesante patrimonio rupestre, entre o que se atopan varias estacións de petróglifos. Estes pódense visitar a través do sendeiro dos Petróglifos de Cobres, PR-G103.
O sendeiro circular, de 3 quilómetros de lonxitude e dificultade baixa, transcorre por unha pista forestal entre bosques e campos de cultivo, polos que se atopan distintos petróglifos. Unha desviación cara ao miradoiro de Acuña oferta unha espectacular panorámica sobre a Enseada de San Simón.
O afloramento máis destacado é probablemente o coñecido como Chan dos Areeiros, duns 20 metros cadrados e con motivos circulares, reticulados e animais. Moi preto deste atópase Chan da Rúa, de acceso máis difícil ao encontrarse no medio dun bosque con escasa sinalización.
4- ENTROIDO DE CORBRES
O entroido das Terras de Pontevedra é moi variado e singular. Un dos máis peculiares é, sen dúbida, o Entroido de Cobres, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia.
Esta festa, de raíces medievais, celébrase nas parroquias de San Adrián e Santa Cristina. Nela, comparsas de "madamas" e "galáns" percorren as casas do concello ataviados con vestimentas decoradas con espellos e símbolos florais. O obxectivo é recadar cartos para a celebración das festas, para o que bailan diante dos veciños e baixo a atenta mirada dos "aldeáns", un "mordomo" e os músicos da charanga que os acompañan.
5- SALINAS DE ULLÓ
Esta antiga salina, de orixe no século XVII, forma parte da Zona de Especial Protección de Aves, do Lugar de Interese Comunitario Enseada de San Simón e da Rede Natura 2000, cuxo obxectivo é preservar a biodiversidade.
Os 4 ecosistemas diferentes presentes na zona: o bosque de ribeira, os carrizais, a marisma e a propia zona intermareal da enseada mostran distintas paisaxes de gran beleza, que converten as Salinas de Ulló nun lugar de referencia no avistamento de aves e fauna, así como para os amantes da fotografía e o sendeirismo.
Ademais, contaron no século XIX cun dos poucos muíños de mareas existentes en toda Galicia, que aproveitaba o movemento das correntes da ría para xerar forza hidráulica. Hoxe en día quedan deste os muros das comportas e os restos das casas dos traballadores que o explotaban.
Dende aquí parte tamén unha ruta de sendeirismo, a PR-G106 Sendeiro dos Muíños de Vilaboa e Chan de Vilar, que sube ata o Lago Castiñeiras polo río Trasmil, amosando 15 muíños en distintos estados.
6- LAGO CASTIÑEIRAS
Compartido co veciño concello de Marín, a 550 metros de altitude, atópanse o Parque Natural de Cotorredondo e o Lago Castiñeiras.
Malia a súa orixe artificial, esta contorna é hoxe unha importante área de refuxio e cría para moitas especies de animais, así como unha importante zona de recreo á que acoden por igual deportistas e familias durante as fins de semana. O parque conta, ademais, con distintos sendeiros aptos para visitar a pé, en bicicleta ou a cabalo.
Preto de aquí atópase o Miradoiro de Cotorredondo, tamén coñecido como o Miradoiro das Tres Rías, un antigo punto de control de incendios que se ergue por riba de Vilaboa e dende o que, nos días despexados, se poden observar as rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Só está operativo nos meses de verán.
7- MÁMOA DO REI
A poucos metros do Lago Castiñeiras está un dos campos de dolmens máis importantes de Galicia: Chan de Castiñeiras. Este conxunto megalítico conta con 7 mámoas das que a máis representativa é a coñecida como Mámoa do Rei, descuberta xa nos anos 50 do século XX.
A Mámoa do Rei é un túmulo impoñente que ocupa un espazo de aproximadamente 25 metros de diámetro por máis de 2 metros de altura. Os arqueólogos e as lendas populares falan aquí do soterramento de alguén importante ao que se enterrou con ídolos e pinturas preto do ano 3000 A.C.
Hoxe en día pódese observar tanto o dolmen de corredor, cuxa cámara mide uns tres metros de diámetro, como o anel perimetral de pedra. Ademais de gravados nas pedras, pódense ver algún petróglifos, como unhas cazoletas, pedras en ziz-zag e unha figura antropomorfa.
APP DE TERRAS DE PONTEVEDRA
Segue explorando Terras de Pontevedra coa App para iOS y Android
Terras de Pontevedra oferta numerosos atractivos para todos os viaxeiros. A través da app podemos atopar máis lugares ou seguir os itinerarios temáticos da aplicación móbil para descubrir algúns dos tesouros mellor gardados de Galicia e gozar dun territorio inigualable.
Descarga a app para Android e iOS neste enlace: app.terrasdepontevedra.org