Impoñen 45 días de traballos sociais ao Mad Max pontevedrés por conducir sen carné
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra impuxo unha condena de 45 días de traballos en beneficio da comunidade a un condutor que nos últimos meses se converteu nun habitual dos atestados policiais pola súa conduta ao volante que ben podería protagonizar as películas de Mad Max.
Nesta ocasión foi sometido a un xuízo rápido tras ser denunciado pola Policía Local de Pontevedra por un delito contra a seguridade vial por conducir sen carné. Aconteceu sobre as 19:15 horas do mércores día 5 de xuño durante un control de tráfico na rúa Manuel del Palacio.
Este condutor pontevedrés de 39 anos levaba un Opel Corsa pola avenida de Marín. Os axentes recoñecérono e bloqueáronlle o paso cruzándolle un coche patrulla ao chegar á rúa San Roque. Foi sancionado e enviado a xuízo rápido.
Fontes xudiciais indicaron este luns que o condutor conta con múltiples antecedentes por delitos contra a seguridade do tráfico e contra o patrimonio e ten pendente ser xulgado por máis dunha decena de casos.
No caso do seu historial por delitos de tráfico, en todos eles hai o denominador común de que conducía sen carné, pero non por perder os puntos ou o permiso por orde xudicial, senón porque nunca chegou a sacarse a licenza.
Un dos máis soados foi a súa detención cando ía cunha moto pola autoestrada cunha garrafa de gasolina como depósito. Previamente, en outubro, fora detido tras unha espectacular persecución policial por Pontevedra, Marín e Bueu.