Desarticulado un grupo itinerante de proxenetas que explotaba a mulleres venezolanas en pisos turísticos
Por Oskar Viéitez
Axentes da Policía Nacional desarticularon un grupo itinerante de proxenetas que explotaba a mulleres venezolanas en pisos turísticos. Os axentes constataron durante a investigación que a rede criminal habería alugado pisos en máis da metade das provincias de España. No operativo detivéronse a 11 persoas de nacionalidade española e venezolana, decretándose o ingreso en prisión para seis delas, e liberáronse a 11 mulleres. Así mesmo os investigadores comprobaron que usaban de plataformas de aluguer de pisos turísticos, ou outros medios de aluguer rotacional, para ocultar as súas actividades delituosas.
A investigación comezou cando os axentes tiveron coñecemento da existencia dunha organización dedicada a trata de seres humanos con fins de explotación sexual. A rede, formada por persoas de nacionalidade española e venezolana, dedicábase á captación de mulleres novas cunha situación de precariedade económica e vulnerabilidade, ofrecendo un traballo inexistente no noso país. Tras a fase de captación, levaba a cabo o traslado das mulleres que incluía a reserva de hotel, o pago do billete de avión e outros trámites que xeraban unha débeda económica que terían que saldar exercendo a prostitución.
A rede desmantelada aproveitaba a súa ampla mobilidade xeográfica para ofrecer ás mulleres como "novidades" nas localidades onde eran trasladadas, o que lles proporcionaba un maior beneficio económico. Os investigados tamén se desprazaban aos lugares onde estaban as mulleres, alugando pisos próximos aos utilizados para a explotación para supervisar a ilícita actividade.
As vítimas eran controladas baixo ameazas e coaccións en todo momento, chegando a ser agredidas fisicamente para sometelas ao pago da débeda contraída, débeda que ademais aumentaba se non cumprían cos prazos establecidos para facer efectivo o pago. Os movementos e os contactos que as mulleres tiñan con terceiros eran sempre supervisados, ademais de auditar os seus servizos sexuais sen permitir que descansasen. A organización tamén lles ofrecía a posibilidade de regularizar a súa situación en España a cambio dunha contraprestación económica.
Ademais da explotación sexual de mulleres, dedicábanse ao tráfico de drogas a pequena escala baixo as directrices dos membros da organización que ocupaban os chanzos máis altos da mesma.
NOVE REXISTROS
Tras analizar toda a información recompilada, os axentes estableceron o dispositivo operativo e realizaron nove rexistros simultáneos en pisos de Granada (4), Almería (2), Ferrol (1), Pontevedra (1) e Alacante (1), inmobles que nese momento rexentaba a organización criminal. Arrestáronse a un total de 11 persoas, oito de nacionalidade venezolana e tres españois, en Almería (3), Selecta (2), Granada (2), Pontevedra (1), Ferrol (1), A Coruña (1) e Madrid (1). Na operación liberáronse a un total de 11 mulleres.