Sete proxectos prolongados no tempo para fomentar a igualdade e loitar contra a violencia de xénero en Moraña
Por Redacción
O Concello de Moraña vai desenvolver ao longo deste ano sete proxectos para fomentar a igualdade e loitar contra a violencia de xénero, entre os que destaca un plan pioneiro de educación en igualdade para homes que se prolongará por espazo de sete meses.
Entre eses sete programas tamén figuran a consolidación do servizo conxunto do Centro de Información ás Mulleres (CIM) que Moraña comparte con Valga; actividades sobre relacións de dependencia emocional e ansiedade con ata sete grupos de intervención de estudantes de 12 a 16 anos; un obradoiro de relaxación física e mental; o mantemento do círculo de mulleres de Moraña para favorecer a súa autoestima e evitar o seu illamento; a iniciativa 'As mensaxes da árbore da igualdade' orientada á comunidade educativa; e o plan 'Moraña Xuventude', dirixido a mozos de 13 a 33 anos e co que se pretende crear un espazo virtual de comunicación e educación.
O programa completo foi deseñado polo CIM e aposta por actividades que teñan continuidade no tempo, celebrándose durante moitos meses e non só nun día concreto, así como por traballar a prol da igualdade de forma específica con todos os colectivos de Moraña.
A información sobre estas actividades deuse a coñecer este martes con motivo dunha xuntanza da mesa de análise da violencia de xénero de Moraña, que contou coa presenza da alcaldesa, Luisa Piñeiro; representantes da corporación municipal; profesionais do CIM e dos Servizos Sociais; e membros das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
No encontro tamén se fixo balance das catro actuacións de impulso da igualdade realizadas durante o pasado ano e destacouse a posta en marcha dunha unidade de violencia de xénero da Garda Civil dende o cuartel de Caldas de Reis, que favorece a realización dunha atención rápida e personalizada.
A alcaldesa destacou que este novo equipo "é moi importante, xa que se atopa en contacto directo e constante co CIM e, grazas a esa cercanía, é moito máis efectivo".