O Colexio Sagrado Corazón de Praceres vence en todas as categorías dos Premios Ligamats
Por Redacción
O alumnado do Colexio Sagrado Corazón de Praceres fai historia nos Premios Ligamats.
É a primeira vez nos quince anos de traxectoria do concurso matemático en que un só colexio alcanza a primeira posición en todas as categorías.
Tras dúas semanas de competición, onde se enfrontaban nenos e nenas de diversos centros educativos de Galicia, os equipos de 6º de educación primaria e 2º e 4º da ESO lograron a victoria e demostrar así a súa habilidade na resolución de problemas, xogos e enigmas matemáticos.
Un éxito do alumnado pero tamén do programa de innovación pedagóxica que o Colexio Sagrado Corazón de Praceres desenvolve en todas as áreas educativas.
O concurso matemático Ligamats forma parte das actividades de IMATXINA. Este proxecto educativo trata de sensibilizar aos escolares de que as matemáticas poden ensinarse e aprender dun modo atractivo, empregando diferentes materiais didácticos que potencian o razoamento matemático-lóxico. Materiais tales como tangráns, pentaminós, torres de Hanoi, cubos Somas e outros quebracabezas matemáticos.
A Fundación Escola Rosalía, co asesoramento pedagóxico de AGAPEMA (Asociación Galega de Profesores de Educación Matemática) foi a encargada de organizar no Auditorio Mar de Vigo esta quince edición.
Este venres 29 de marzo, os alumnos do Colexio Sagrado Corazón de Praceres levarán de novo as súas habilidades matemáticas fóra da aula. Na Praza de Ourense de Pontevedra, entre as 17:00 e as 20:30, construirán varios triángulos de Sierpinski a base de latas de refresco recicladas, coas que van montar unha pirámide de máis de catro metros de lado e de altura. Segundo explican dende o colexio "é unha actividade que enlaza a área de matemáticas coa de tecnoloxía e o coidado do medio ambiente e pon aos alumnos como protagonistas da súa propia aprendizaxe".
Relacionadas:
-
Viseiras protectoras para o centro de saúde de Marín grazas a dous mestres do colexio de Praceres
Por María José Pita |
-
RADIO.- Conversas na Ferrería: As matemáticas non son problemas para eles
Por Marisa Ciordia |
-
Nenos do Sagrado Corazón de Placeres achéganse á parálise cerebral
Por Redacción |
-
Os futuros Matías Prats e Ana Blanco realizan un noticieiro en Praceres
Por Redacción |
-
Aprendendo a comer de forma saudable... e en inglés
Por Redacción |