Sanxenxo proxecta crear un centro de formación de estudos turísticos
Por Redacción
Telmo Martín quere crear en Sanxenxo un centro de formación de estudos turísticos para formar aos seus propios profesionais de hostalería, restauración e xestión de aloxamentos turísticos, pero tamén de especialidades que non se imparten no CIFP Carlos Oroza de Pontevedra como márketing de turismo ou a organización de eventos.
Segundo explicou o Concello, o municipio como primeiro destino turístico de Galicia "cun millón de pernoitas hostaleiras necesita un centro especializado que lle axude a desenvolver todo o seu potencial turístico".
A idea de Martín pasa por habilitar a sede deste centro de estudos no colexio O Cruceiro de Vilalonga, como unha institución adscrita ao IES de Vilalonga, aínda que para iso é necesario acometer unha profunda remodelación das instalacións.
Trátase de varios edificios que suman unha superficie de 4.221 metros cadrados.
A rede galega de formación profesional de hostalería está formada por oito centros. Tres na provincia da Coruña, dúas en Lugo, un en Ourense e dous na provincia de Pontevedra. "Insuficientes no caso desta última se temos en conta a súa poboación e que é a máis turística das catro provincias", sinalan en Sanxenxo, que se ofrece como "lugar adecuado polo seu prestixio e peso no turismo galego".
A idea explicada polo alcalde pretedende a implicación da Conselleria de Educación e as empresas turísticas que queiran involucrarse.