Especialistas en animación xaponesa de Suecia, Reino Unido, Hungría, Xapón e Turquía danse cita en Pontevedra
Por Redacción
Investigadores de universidades de Xapón, Suecia, Reino Unido, Hungría e Turquía desprazaranse ata Pontevedra entre os días 21 e 22 de marzo para participar no V Foro Internacional de Creación na Fronteira da Universidade de Vigo.
A iniciativa está promovida polo grupo de investigación dx5 (digital & graphic art research) da facultade de Belas Artes e terá no anime, na animación xaponesa, o seu eixo de análise. De feito, o título será 'Anime. Unha perspectiva transdisciplinar'.
En concreto, este simposio reunirá na sede da vicerreitoría do campus a doce expertos de diferentes países, co propósito de abordar "desde perspectivas moi dispares", como a arte, a estética, a socioloxía, os estudos culturais ou a literatura comparada, unha das "principais manifestacións culturais xaponesa".
O investigador do grupo dx5 e director deste foro, José Andrés Santiago, explicou que ten asistencia gratuíta e que está inserido na serie de foros do grupo, "nos que sempre buscamos a relación de diferentes medios coa arte contemporánea".
O congreso busca propor unha "reflexión teórica e académica" sobre "un produto cultural que nunca pasa desapercibido, pero do que si pasa desapercibida a súa influencia e a importancia que ten en todo o mundo". Nese senso, o investigador sinala a series como Mazinger Z, Dragon Ball ou Pokemon para pór de relevo como "moitas xeracións de españois e europeos medramos influenciados polo anime en televisión".
O programa inclúe doce conferencias en castelán e en inglés, con tradución simultánea. A conferencia inaugural corresponderalle a un representante da industria, o tradutor Mar Bernabé, quen falará do proceso de tradución do cómic e a animación xaponesa.