Louzán defende a permanencia da Brilat equiparando a súa importancia á de Citroen en Vigo
Por Natalia Puga
O presidente da Deputación Provincial, Rafael Louzán, volveu reivindicar este xoves a importancia da Brilat para Pontevedra e comparouno coa relevancia que ten a factoría de Citroën na cidade de Vigo. Durante a inauguración da exposición 'Del pasado, honor; del presente, orgullo' que a Brigada terá ata o domingo no Pazo Provincial con motivo do seu 47 aniversario, o presidente provincial indicou que "a Brilat é un imprescindible pulmón económico de Pontevedra que ven a significar algo parecido ao que Citröen representa para Vigo".
Louzán inaugurou a exposición cunha referencia directa ás negociacións existentes entre o Ministerio de Defensa e os comuneiros de Salcedo, Figueirido e Vilaboa por parte dos terreos que ocupa a base General Morillo da Brilat. Incidiu en que a Brigada "forma parte indiscutible da actividade social, económica e laboral desta provincia".
Recordou que o 47 aniversario do primeiro aerotransportable celébrase "nun momento de dúbidas e de certa tensión" ante o "risco real" de que a Brigada "teña que abandonar Figueirido" e reivindicou o seu papel como "verdadeiro dinamizador social e económica da cidade de Pontevedra e do seu contorno".
"Nestes momentos de incertidume sobre o futuro da Brilat, causada pola negociación establecida entre os donos dos terreos nos que se asenta e institución militar, compre que entre todos realicemos unha reflexión seria e profunda", indicou o presidente provincial e sinalou que "nin Salcedo nin Pontevedra se poden permitir prescindir da Brilat, pola repercusión social, económica e laboral que ofrece".
"Sería unha irresponsabilidade e unha insensatez empuxala a que se vaia"
Ao respecto, sinalou que a Brigada "ten moitas ofertas" para radicarse fóra de Galicia e "sería unha irresponsabilidade e unha insensatez empuxala a que se vaia. Sobre todo, dunha cidade que non está sobrada, precisamente, de fontes de traballo e riqueza".
Na súa opinión, é "un momento idóneo para poñer en valor todo o que significa para Pontevedra a presenza desta unidade militar". Logo de eloxiar a súa labor en misións internacionais ou a colaboración coa sociedade civil en iniciativas como a campaña de vixilancia contra os incendios, Louzán incidiu en que "en momentos coma o actual" o aspecto ao que hai que prestar atención é o "seu papel como verdadeiro motor económico e laboral para esta provincia".
Considerao especialmente importante nesta época porque é "cando máis necesitados estamos de emprego, de movemento económico". Ao respecto, recordou que máis de 2.500 efectivos da Brigada "fan vida nesta cidade e nesta comarca" e deixan en Pontevedra máis de 40 millóns de euros cada ano e que na actualidade é "sen dúbida algunha" a empresa que máis empregos e riqueza xera na comarca e "produce evidentes retornos económicos e sociais para todos nós".
No seu discurso, Louzán tamén fixo unha chamada velada á necesaria colaboración dos comuneiros para chegar a bo porto nas negociacións con Defensa, pois "saír desta encrucillada na que nos atopamos é posible, se todos unimos o mellor dos nosos esforzos e a cooperación precisa". "Se todos, en definitiva, tiramos do carro na mesma dirección", concluiu.