A Garda Civil extrema a súa vixilancia para evitar accidentes mortais con tractores en Pontevedra
Por Redacción
Seis persoas perderon a vida na provincia de Pontevedra no últimos tres anos tras sufrir un accidente mentres conducían un tractor agrícola, segundo a Garda Civil, o que levou ás autoridades a planificar unha campaña de prevención de riscos no manexo destes vehículos.
Desde 2016, o instituto armado contabilizou 54 sinistros con tractores agrícolas, nos que faleceron estas seis persoas, a última delas o pasado 4 de febreiro en Valga, onde un octoxenario morreu como consecuencia do envorco do tractor que conducía.
En todos estes accidentes mortais, o tractor non levaba despregado o arco de seguridade, segundo alerta a Garda Civil.
Por ese motivo, o subsector de Tráfico en Pontevedra decidiu poñer en marcha unha campaña dirixida a sensibilizar aos usuarios dos tractores sobre os riscos asociados ao seu manexo e condución.
Cun tríptico, confeccionado pola Xunta de Galicia a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral, os gardas civís facilitarán información acerca de medidas de prevención fronte a envorcos, por ser o accidente que se produce con maior asiduidade.
Esta campaña informativa e de prevención combinarase coa vixilancia e denuncia das infraccións detectadas.
Tráfico lembra que a normativa, con carácter xeral, esixe que todos os tractores matriculados a partir do 1 de xullo de 1993, de máis de 600 quilos de masa en baleiro e en orde de marcha, deberán ir equipados cun bastidor ou cabina oficialmente homologados para reducir os danos ao condutor en caso de envorco.
As estatísticas demostran, segundo a DXT, que ao utilizar este dispositivo de seguridade de forma despregada redúcese en máis do 50 % o risco de falecer en caso de envorco do tractor.
Nos tres últimos anos, Tráfico formulou 376 denuncias en Pontevedra relacionadas cos tractores agrícolas e o 35% foron precisamente por non usar na posición superior o arco de seguridade ou a estrutura para que non envorque.
Relacionadas:
-
Liberan o condutor dun tractor que quedou atrapado ao saír da vía
Por Redacción |
-
Enfróntase a 400 euros de multa e á retirada de 3 puntos por conducir un tractor sen arco protector e con auriculares
Por Redacción |
-
Falece un veciño de Vilanova tras sufrir un accidente co tractor que manexaba
Por Redacción |
-
Ferido un mozo de 20 anos en Cuntis tras ser atropelado polo tractor que conducía un familiar
Por Diego Espiño |