Os composteiros de Valdecorvos comezan a ser visibles
Por Redacción
Os dous centros de compostaxe comunitarios que o Concello porá na rúa Prado Novo, fronte aos novos edificios de Valdecorvos, xa están a executarse.
Os operarios comezaron esta semana a instalar os dez módulos que terá cada un destes composteiros. O Concello agarda que a compostaxe sexa unha realidade neste barrio en poucas semanas.
Os traballos comezaron coa instalación das bases que, ao igual que todas as instaladas noutros barrios da cidade, dispoñen dun enreixado sobre o que se apoia o composteiro, fonte de auga e papeleira. Unha vez que estean todas rematadas instalaranse os módulos de compostaxe.
Ademais, está previsto un encontro do equipo de compostaxe do Concello nos centros antes da súa posta en funcionamento para explicar como se utilizan, ao igual que se fixo antes da posta en servizo dos da Parda.
Ademais, precisamente na Praza das Regas (A Parda) colocarase un terceiro centro comunitario de compostaxe, co que Pontevedra sumará xa un total de dezaseis no ámbito urbano.
Paralelamente, o Concello de Pontevedra e a Deputación mantiveron este martes unha reunión técnica, no marco do Plan Revitaliza, para pechar detalles da posta en funcionamento da compostaxe no rural.
Neste macroproxecto preténdese o despregamento de 8.000 composteiros individuais facilitados polo Concello ás vivendas unifamiliares. Está previsto comezar polas parroquias de Salcedo, Tomeza e Campañó.
Relacionadas:
-
Valdecorvos estrea composteiros comunitarios: "As cunchas de mexillón tamén compostan?"
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
A axencia europea "Zero Waste Europe" estuda en Pontevedra o plan de compostaxe da Deputación
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
O PP retirará do centro urbano os composteiros comunitarios e os contedores se goberna en Pontevedra
Por Oskar Viéitez |
-
Os encargados de despregar a compostaxe no rural pontevedrés comezan a súa formación
Por Redacción |
-
A Parda, Camiño de Ferro e Ponte Boleira estrean catro novos composteiros
Por Redacción |