Valdecorvos estrea composteiros comunitarios: "As cunchas de mexillón tamén compostan?"
Por Redacción & Mónica Patxot
Cando ás cinco da tarde deste xoves se deu por inaugurada a nova zona de compostaxe comunitario da praza das Regas, no barrio de Valdecorvos, xa había veciños que esperaban desexosos para poder estreala. Media ducia de cidadáns residentes na contorna estaban a rondar pola zona e, cando viron que os mestres composteiros empezaban a traballar, achegáronse para a súa primeira vez.
"As cunchas de mexillón tamén compostan?", querían saber. Os mestres composteiros do Concello de Pontevedra resolveron as súas dúbidas e explicáronlles in situ como se pode compostar, un método sinxelo e ao alcance de todo o mundo que, no caso das cunchas de mexillón e do marisco en xeral, se prolonga con respecto ao doutros residuos.
O Concello puxo en marcha este xoves tres novos composteiros comunitarios en Valdecorvos, un na praza das Regas e dous na rúa Prado Novo. Cada un ten dez módulos, o que implica catro liñas de tratamento, segundo explicaron ao pé das novas instalacións os concelleiros Demetrio Gómez e Alberto Oubiña.
Este xoves os tres novos centros de compostaxe contaron coa presenza dos mestres composteiros durante tres horas, entre as cinco e as oito da tarde. Unha desas especialistas, Cristina Fernández, explicou que xa na xornada do mércores, cando acudiron a colocar os carteis anunciando a inauguración para este xoves, se encontraron con que había xente que quería usalos.
"Xa había quen trouxera os seus residuos e quería empezar a compostar", explicou esta mestra composteira, que durante os primeiros momentos de actividade da instalación explicou á veciñanza que se foi acercando nocións básicas para un bo uso dos composteiros.
Ademais, a cada unha das persoas que acudiron á inauguración entregoulles unha bolsa cunha mostra de compost logrado noutros lugares, para que a veciñanza o probe coas súas plantas e comprobe a súa eficacia. Como agasallo, tamén recibiron os primeiros usuarios unha bolsa reciclable.
En Valdecorvos, ao igual que noutros barrios, o Concello recibiu sinaturas de máis dun cento de residentes solicitando o despregue da compostaxe comunitaria. Todos eles xa figuran nunha listaxe de persoas interesadas no sistema, pero este xoves tamén se recolleron os datos as persoas que os quixeron facilitar. Quedan nunha base de datos e recibirán un aviso cando o composteiro dea os primeiros resultados, para que poidan recoller compost. O primeiro sairá previsiblemente nun prazo de tres meses.
Relacionadas:
-
Ofertan catro parcelas en Valdecorvos para construír 137 vivendas protexidas
Por Redacción |
-
A cuarta promoción da "Facultade da compostaxe" comeza a súa formación
Por Redacción |
-
O Goberno local destaca a "moi boa acollida" da compostaxe individual entre os veciños de Lusquiños
Por Redacción |
-
O despregamento dos composteiros individuais no rural comezará por Tomeza
Por Alejandro Espiño |
-
Rafa Domínguez esixe o BNG paralizar a implantación da compostaxe comunitaria
Por Alejandro Espiño |
-
Os composteiros de Valdecorvos comezan a ser visibles
Por Redacción |