Preocupación socialista polo cambio na organización da Festa do Petote
Por Redacción
O 17 de febreiro, Carballedo acollerá a Festa do Petote, pero non será un ano máis. Nesta ocasión, o goberno local que lidera o alcalde Jorge Cubela decidiu que a festa se traslade a nove restaurantes no Concello Cerdedo-Cotobade en lugar de manter a habitual comida para a degustación multitudinaria no pavillón de Carballedo.
O grupo socialista, que encabeza Lina Garrido, lamenta esta decisión xa que entende que as festas gastronómicas deben ter un espazo físico fixo, neste caso en Carballedo.
A festa, que conta con dez anos de historia foi afianzándose como unha cita de éxito na que colaboran decenas de persoas de distintos colectivos e agrupacións do municipio. Por este motivo, Lina Garrido considera que esta decisión de Cubela "non deixa de ser un capítulo máis da decadencia da capital do concello fusionado".
Os socialistas recollen queixas transmitidas a través das redes sociais en que se critica a decisión ao entender que a localización fixa do pavillón servía como nexo de unión, compatible coa degustación nos restaurantes, que permitía a realización de diversas actividades culturais e folclóricas.