A Festa do Petote renóvase e dá o salto a restaurantes de Cotobade e Cerdedo
Por Redacción
Coa súa décima edición, a Festa do Petote decidiu renovarse e apostar por un formato novidoso. Así, por vez primeira, non haberá un xantar multitudinario no pavillón de Carballedo. O certame gastronómico será nos restaurantes do municipio.
A nova Festa do Petote celebrarase o domingo 17 de febreiro, xusto dúas semanas antes do Entroido. A degustación deste tradicional cocido completo, composto de petote, sobremesa e bebida, ten un prezo de 20 euros por persoa en todos os establecementos.
As persoas interesadas en participar na degustación xa poden facer as súas reservas nos establecementos participantes, que son A de Tucho (Augasantas), A Raxadal e Casa Inés (Carballedo), Casa Blanco (Rebordelo), Veiga Mariña (Almofrei), O Espigueiro, O Meu Lar e Moncha (Cerdedo) e Restaurante Davi (Quireza).
A festa completarase cunha sesión vermú con actuación musical e degustación a partires das 12.00 horas no núcleo urbano da Chan.
O Concello de Cerdedo-Cotobade busca impulsar e modernizar a festa, estendéndoa por todo o territorio do municipio e favorecendo aos restaurantes e negocios particulares que, deste xeito, obterán un retorno económico directo e máis elevado.
Deste xeito, Cerdedo-Cotobade abrirá o seu amplo circuíto de festas gastronómicas, que inclúe un total de oito celebracións que van dende o cocido de Entroido propio do Petote ata a Festa do Bolo de San Martiño, que ten lugar en Borela no mes de novembro.
A seguinte cita será a do Becerro Ecolóxico ao Espeto en Viascón.