O Concello da Lama tarda nueve días en pagar as súas facturas
Por Redacción
O pleno da corporación municipal da Lama serviu de escenario para ratificar a solvencia económica do Concello ao confirmar a secretaria que o pago das facturas remitidas provedores desta administración local son pagadas nun prazo medio de 9,27 días.
A xuízo do alcalde, Jorge Canda, "evidencia ás claras que o Concello ten unhas contas moi saneadas xa que no último trimestre do pasado ano fixemos fronte ao pagamento de 705.326,01 euros".
Aínda así, o grupo municipal levou a recoñecemento extraxudicial de créditos de 4.232,78 euros, correspondentes a facturas de dous provedores que as entregaron fóra do peche do exercicio o que levou á obrigación legal de aprobalo no pleno da corporación cos votos a favor do PPdeG, a abstención de Cidadáns e o voto en contra de dous concelleiros socialistas que sinalaron que "o feito de levar este recoñecemento de débeda é un mal funcionamento e de práxis do goberno municipal polo que votamos en contra".
Por outra banda, o pleno aprobou por unanimidade dos concelleiros presentes unha moción presentada polo concelleiro de Cidadáns, Andrés Cal, con respecto á necesidade de realizar, por parte do Concello, labores de limpeza e mantemento nun ramal da PO-241, de titularidade municipal, ao seu paso por Casalitoi que presenta "maleza y hojarasca que se acumula en sus cunetas, así como baches y quitamiedos desmontados" o cal pode representar, segundo Andrés Cal, un perigo para a circulación de vehículos.
O alcalde, Jorge Canda, manifestou o seu voto favorable á proposta e anunciou o desexo do grupo de goberno de proceder canto antes a emendar os problemas que presenta ese camiño, pero tamén recoñeceu que "terá que agardar o seu turno porque temos máis de 185 quilómetros de camiños municipais que atender e que limpar e non damos abasto a atender todos os lugares ao mesmo tempo. Agora que se van contratar operarios co Plan Concellos da Deputación esperemos poder atender canto antes esa demanda e outras".