A Xunta incrementa a dotación do Fondo de Cooperación Local para os concellos da comarca
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, informou este martes que os concellos da comarca de Pontevedra, así como Bueu e Marín, reciben ao ano 5,2 millóns de euros do Fondo de Cooperación Local (FCL) para obras e servizos da súa competencia. Unha cantidade á que hai que sumar outras liñas de axuda e subvencións das distintas consellerías, así como a dotación correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental.
Así, os municipios de Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Lama, Marín, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Vilaboa recibiron nos últimos catro anos 20,7 millóns de euros procedentes do FCL, que se abona en 12 mensualidades e a mes vencido. En canto a fórmula de distribución, o reparto faise en base a criterios obxectivos pactados previamente coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).
A Xunta de Galicia distribúe ao ano entre os concellos pontevedreses máis de 30,5 millóns de euros, unha dotación orzamentaria que se mantivo intacta durante os anos de recesión, nos que as contas autonómicas minguaron considerablemente.
Asemade, nos orzamentos do 2019 a Xunta aumenta a dotación deste programa ata os 128,7 millóns de euros, 3,1 millóns máis que no pasado exercicio.
De feito, tal e como explicou Cores Tourís, no 2019 se culminará o proceso iniciado neste exercicio a través do que a Xunta compensa a aqueles concellos que teñen gastos derivados do mantemento do centros de saúde. Ademais, créase un fondo de emerxencias dotado con 1,9 millóns de euros.