Rematan as obras no acceso principal de Limeres
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vén de rematar as obras da mellora viaria integral do acceso principal a Limeres dende a localidade de Cerdedo, que incluiron a dotación de cunetas e a reposición do firme. Con motivo da conclusión destes traballos, o presidente municipal, Jorge Cubela, achegouse ata a zona para visitar e supervisar o resultado final deste reasfaltado.
Esta actuación contou cun orzamento de case 50.000 euros e estivo financiada ao abeiro do Plan Marco da Xunta de Galicia, que tamén contempla o ensanchamento da pista entre Xesteira e Arrotea, na parroquia cotobadesa de Almofrei, que se atopa actualmente en obras.
Cubela explicou que estas obras "son de gran importancia para mellorar a conectividade da zona sur do territorio de Cerdedo coa súa localidade de referencia e ademais permiten ter en boas condicións unhas estradas que se ven afectadas constantemente pola adversa climatoloxía e a forte pendente".
Ademais, valorou positivamente que as obras continúen nesta aldea, que actualmente acolle na súa rede de pistas interna un ambicioso proxecto de ensanchamento que ten bastante complexidade polo desnivel existente e a proximidade de vivendas, inmobles e peches coa estrada. Por este motivo, a actuación contempla a construción de fortes muros de contención co obxectivo de garantir a seguridade e rematarase coa renovación de todo o firme.
Esta obra en marcha, coa que se completará a rede de infraestruturas en Limeres, enmárcase nun lote de seis actuacións, que tamén beneficiou ás parroquias de Quireza, Tomonde e Folgoso e que conta cun orzamento global de 114.000 euros.