Un incendio forestal en Caroi, o primeiro de 2019 na comarca
Por Redacción
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Apenas tres días tardou en chegar o primeiro incendio forestal na comarca de Pontevedra neste novo ano 2019. Un total de 45 hectáreas, todas elas de monte raso, quedaron calcinadas nun lume que se rexistrou nas últimas horas en Caroi (Cerdedo-Cotobade).
Segundo informa a Consellería de Medio Rural, o incendio foi detectado ás 16.17 horas deste xoves. Na súa extinción traballaron seis axentes, oito brigadas e dúas motobombas.
O lume, que se rexistrou o lugar da Cavadosa, aos pés do Monte Seixo, foi controlado de madrugada e extinguido por completo pouco despois das once da mañá deste venres.
Segundo informou o Concello de Cerdedo-Cotobade, a agrupación de voluntarios de Protección Civil e operarios municipais de Cerdedo-Cotobade colaboraron cos medios de extinción da Xunta de Galicia na erradicación deste lume forestal, que se tornou perigoso, xa que durante algúns momentos da madrugada ameazou con achegarse ata as vivendas deste lugar da parroquia de Cerdedo.
O presidente municipal, Jorge Cubela, que se achegou ata o lugar do lume durante a noite, valorou este venres que "sempre que se declara un lume é unha malísima nova para un concello rico en medio ambiente, e máis aínda cando poden estar en risco as vidas dos nosos veciños e as súas casas". Ademais, felicitouse polo feito de que non houbera ningún ferido nin afeccións ás casas.
Cubela quixo agradecer o "gran traballo" realizado polos voluntarios de Protección Civil e polos traballadores municipais e fixo un chamamento á cidadanía para extremar as precaucións, incluso nestas datas de inverno, ante a posible aparición de novos focos. "Malia as baixas temperaturas destes días e todo o que choveu no outono, levamos varias xornadas moi secas e hai que estar alerta, xa que os pirómanos, que son os que causan o 95% dos lumes, non descansan nunca", concluiu.
A Xunta recorda que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal.