A Policía Local recupera a figura do mediador para os conflitos entre veciños
Por Redacción
A partir de agora, aqueles pontevedreses que se encontren en conflito poden recorrer a un servizo específico da Policía Local de Pontevedra para intentar resolver pequenos enfrontamentos veciñais. Un grupo de sete policías formado por cinco axentes, un inspector e un oficial encargaranse de problemas orixinados por ruídos molestos ou por discusións de mala convivencia. Nestes casos, sempre que algún dos afectados o solicite, a dotación policial intentará interceder entre os afectados. Ambos os dous teñen que estar de acordo nesa mediación.
Este servizo busca resolver o problema sen que aumente o odio entre as partes nin derive nunha demanda xudicial que supón gastos económicos.
Sen ir máis lonxe na presentación deste servizo, o xefe da Policía Local, Daniel Macenlle afirmaba que xa se está a traballar en sete casos e esta mesma mañá unha persoa achegouse ata a comisaría para solicitar a mediación.
Este servizo xa funciona noutras cidades como Barcelona ou Villarreal. O obxectivo, segundo explicaron Daniel Macenlle e a concelleira Carme dá Silva, é que se estableza o "sentido común" e non se sancione nin coaccione. "Non hai gañadores nin perdedores" explicou o xefe da Policía Local "búscase que a solución beneficie ás dúas partes".
Macenlle indicou que este servizo se formaliza agora porque o equipo da Policía Local está ao 100% e admitíu que é un campo que permite actuar en situacións difíciles de resolver. Mesmo naqueles casos en que unha terceira persoa allea ao conflito a solicite, os axentes preguntarían aos afectados se dan o seu consentimento para que interveñan. "Non é unha arbitraxe" indicou Macenlle "todo é oral".
O servizo está xa en marcha e aquelas persoas que queira solicitalo só teñen que poñerse en contacto coa Policía Local e proporcionarlles o número de teléfono para que os axentes inicien os contactos. "ÿ voluntario e confidencial" indicou o máximo responsable da policía municipal.