Cuntis despide o ano cos tradicionais xantares de homes e mulleres
Por Redacción
Unha carpa situada na Praza da Constitución acolleu un ano máis a tradicional comida de confraternidade coa que homes e mulleres de Cuntis, por separado, celebran o fin de ano.
Nesta quinta edición, uns 160 veciños do municipio xuntáronse ao mediodía deste sábado 29 de decembro para compartir un xantar no que, como manda a tradición, non faltou o polbo á feira.
Pola súa banda, outras tantas mulleres déronse cita pola noite na mesma carpa para gozar dunha cea servida polos organizadores.
O alcalde Manuel Campos e a concelleira Conchy Campos participaron nesta celebración, na que colabora tanto o Concello de Cuntis como os establecementos comerciais e de hostalería do municipio.
Ademais, entregouse un detalle a Isolino Otero, o participante de maior idade. Ten 88 anos e non quixo perderse esta cita festiva.