Destinarán 830.000 euros para comprar un novo camión escaleira para os Bombeiros
Por Alejandro Espiño
O Concello realizará un desembolso importante para renovar os medios cos que conta o servizo municipal de extinción de incendios. En concreto, destinará uns 830.000 euros para adquirir un novo vehículo para traballar en altura, un camión escaleira.
A empresa que se adxudique este contrato, segundo explicou o portavoz municipal, Raimundo González, terá un prazo de dez meses para entregar o vehículo.
Este camión substituirá ao que sufriu un accidente en marzo de 2015, durante o desfile para festexar o patrón dos Bombeiros. Envorcara na avenida de Buenos Aires.
Con respecto aos bombeiros, o Concello tamén foi informado de catro sentenzas a favor de catro traballadores. O xulgado ordenou que se lles pague a nocturnidade e a festividade que, como integrantes dunha quenda laboral, correspóndelles aínda que estean de vacacións.
A Xunta de Goberno, ademais, aprobou destinar 164.000 euros ás obras de mellora de accesibilidade no núcleo da Peralba (Marcón); e outros 200.000 euros para habilitar un centro social no lugar de Cacheiro (A Canicouva).
En materia deportiva, pola súa banda, concedéronse as subvencións polas escolas deportivas municipais, correspondentes ao exercicio 2017-2018.
Pagaranse 118.000 euros a 31 clubs deportivos da cidade, 14.200 euros a cinco ANPAS do rural e 8.700 euros a catro asociacións que traballan con persoas con diversidade funcional.
Relacionadas:
-
Os bombeiros de Pontevedra terán un camión escaleira co que acceder a un andar 14
Por Oskar Viéitez |
-
Os bombeiros celebran a súa festividade co director xeral de Emerxencias e a ollada posta na comarcalización
Por Anxo Lourido |
-
Espectacular xiro dun camión de Bombeiros que celebraba o día do seu patrón pola cidade
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada