Espectacular xiro dun camión de Bombeiros que celebraba o día do seu patrón pola cidade
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado
Creada e actualizada
Creada e actualizada
Nunca é un bo momento para sufrir un accidente, pero que xusto te aconteza o día que festexas ao teu patrón parece aínda máis inoportuno. Iso é o que lle aconteceu ao Corpo de Bombeiros de Pontevedra.
Un dos vehículos que participaba na comitiva sufriu un espectacular xiro na avenida de Bos Aires, xusto tras saír da rotonda da ponte de Santiago.
O accidente produciuse pouco antes da unha da tarde. Foi cando o desfile dos Bombeiros, que acababan de saír dun acto relixioso na igrexa do Burgo, enfilaba o camiño de volta ao parque, onde xa esperaban as autoridades para o acto oficial do día do seu patrón, San Juan de Dios.
Durante o seu tradicional paseo pola cidade, como de costume, facían sonar as súas sereas. Practicamente todos os vehículos participaban na comitiva, repartida por diferentes zonas da cidade. Todo estaba a transcorrer nun ambiente festivo e distendido ata que envorcou o camión, un incidente que afortunadamente quedou nunha anécdota e que non embazou a celebración posterior.
Tan só se produciron danos no propio camión de Bomberos e na mediana que separa ambos os dous carrís de circulación. O seu condutor, visiblemente afectado, non resultou ferido e tampouco se viu involucrado ningún outro vehículo nin peón no sinistro.
Dende a xefatura do parque, Manuel Torres avanzou que investigarán o sucedido, pero negou que o xiro se producise por un exceso de velocidade, xa que ao circular formando parte dunha comitiva non ían moi rápido. "Lo importante es que todo ha quedado en un susto y todos están bien, el camión se puede arreglar", dixo a PontevedraViva. Con todo, recoñeceu que o condutor deste "está chafado".
O vehículo accidentado ten un gran peso na súa parte superior, xa que leva unha grúa enriba. Testemuñas presenciais do suceso aseguran que ao coller a rotonda se elevaron as rodas do camión, o que metros máis tarde precipitou o seu xiro xa na avenida de Bos Aires, vial ao que accedera para regresar ao parque a través da ponte dos Tirantes e a avenida Domingo Fontán.
Apenas dúas horas despois do accidente, un guindastre de grandes dimensións chegou ao lugar do sinistro para retirar o camión de Bombeiros. Os traballos estiveron supervisados pola Policía Local de Pontevedra, que tivo que cortar o acceso á avenida de Bos Aires dende a Ponte de Santiago mentres durou esta ardua tarefa.