Os bombeiros de Pontevedra terán un camión escaleira co que acceder a un andar 14
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra adxudicou este luns á empresa Incipresa un novo camión de bombeiros con plataforma que incorpora unha escaleira que permitira alcanzar unha altura de 43 metros, o equivalente a 14 andares.
Este vehículo terá unha potencia de 390 cabalos e custará ás arcas municipais 828.850 euros. A adxudicataria abonará 9.075 euros por recoller o camión avariado en marzo de 2015 tras accidentarse na avenida de Buenos Aires durante o desfile festivo que realizaban os Bombeiros para honrar ao seu patrón, San Xoán de Deus.
Incipresa tardará dez meses en carrozar o vehículo que será entregado ao concello. Segundo apuntou o portavoz do goberno local, Raimundo González, "a finais de ano o normal é que teñamos esta nova maquinaria".
Foron os propios bombeiros os que expuxeron a necesidade de adquirir un camión de rescate destas características e dimensións para poder atender a incendios en edificios de altura, desprendementos de fachadas ou caídas de cubertas polos temporais.