Pechan a terceira planta do centro de saúde Virxe Peregrina por unha incidencia no teito
Por Redacción
A terceira planta do centro de saúde Virxe Peregrina de Pontevedra tivo que pecharse e todos os servizos recolocáronse noutras partes do edificio tras detectarse unha incidencia no teito dunha sala de espera.
Segundo informaron fontes oficiais da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, persoal do centro de saúde detectou a incidencia á primeira hora deste xoves e notificouno aos responsables da xestión. A partir dese momento, operarios de rehabilitación de estruturas e técnicos de Mantemento da área sanitaria empezaron a traballar para solucionar o problema.
Os técnicos de mantemento da área sanitaria delimitaron e sinalizaron a zona e entre todos os operarios supervisan e traballan nesta sala de espera, que se prevé quede rehabilitada e operativa para o inicio da próxima semana.
Mentres tanto, a prestación dos servizos de Atención Primaria que adoitan prestarse na terceira planta trasladáronse a outras plantas e áreas do centro de saúde pontevedrés, ata a pronta corrección desta incidencia, que a responsables da área sanitaria cualifican de "menor".
A área sanitaria garante que reabrirá a principios da próxima semana a terceira planta do centro de saúde tras emendar unha incidencia.