Un mozo chega a xuízo por abusar sexualmente da súa irmá a partir dos 11 anos
Por Natalia Puga
A Audiencia Provincial de Pontevedra xulgará o próximo 22 de xaneiro un mozo acusado de abusar sexualmente da súa irmá menor aproveitando que ambos quedaban sós na casa. Todo empezou cando el tiña 18 anos e ela tan só 11.
O acusado, cuxa identidade non se facilitará para protexer á súa vítima, a súa irmá, enfróntase a unha dura condena. A Fiscalía considérao autor dun delito continuado de abusos sexuais a menor de 13 anos e pide que se lle impoña a pena de 12 anos de prisión e o pago dunha indemnización de 30.000 euros á súa vítima en concepto de dano moral.
Para protexer á vítima, a Fiscalía tamén pide ao tribunal da Sección Segunda da Audiencia que adopte as medidas adecuadas para evitar a confrontación visual do procesado coa vítima do delito durante a celebración do xuízo e que as sesións se celebren a porta pechada a fin de que se evite prexudicar á persoa ofendida e á súa familia.
Os feitos ocorreron nunha localidade da comarca do Salnés. Xa hai unha causa similar por feitos ocorridos cando o agora acusado tiña menos de 18 anos no Xulgado de Menores de Pontevedra, pero nesta causa xúlganse os ocorridos a partir da súa maioría de idade, cando a súa irmá tiña 11 anos de idade.
Segundo o fiscal, someteu á súa irmá a abusos sexuais practicamente todas as semanas, e a razón de dúas ou tres veces á semana, aproveitando as tardes en que quedaba a soas con ela no domicilio familiar, cando os seus pais saían a traballar. A situación prolongouse durante polo menos tres anos, ata que o mozo foise da casa familiar en 2005.
Aproveitaba que ambos se atopaban no sofá vendo o televisor e propoñíalle o que el chamaba un "xogo".. Actuou en todo momento "co fin de satisfacer os seus desexos sexuais" e aproveitando "a confianza que a menor tiña cara a el por ser o seu irmán" e tamén que a nena "dado o seu escaso desenvolvemento evolutivo, non vía estes feitos como estraños".
A súa vítima presenta síntomas de re experimentación de recordos, pensamentos recorrentes relacionados coas vivencias sufridas, condutas evitativas, alteración do soño, ansiedade, apatía e gran inestabilidade emocional que requiriron de apoio psicolóxico.