Solución ás vivendas sen saneamento en Silvoso de Arriba
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de conectar tres vivendas de Silvoso de Arriba á rede de saneamento desta parroquia. Soluciona deste xeito unha deficiencia que viña sendo obxecto de reclamacións dende hai tempo.
As obras tiveron a dificultade da escasa pendente ata conectar co pozo de rexistro, para o que foi necesario negociar co propietario dunha das vivendas, residente na Coruña, para que dera permiso para pasalo tubo pola súa propiedade.
O goberno local decidiu acometer esta actuación unha vez obtida a autorización, toda vez que utilizar o camiño municipal, que está a unha cota moito máis baixa, obrigaría a instalar un custoso bombeo.
Gracias ao tendido duns 200 metros de nova rede, as vivendas desta zona, próxima ao cruceiro, pasan a dispor dun servizo moi necesario que vai supoñer unha mellora. Ao mesmo tempo, a actuación supón un impulso para a rehabilitación pendente dunha vivenda.
O goberno local recalca que está disposto a colaborar coa Xunta de Galicia na realización do saneamento integral de todo o rural de Ponte Caldelas. Lembra que aínda hai máis dunha ducia de núcleos pendentes e, por este motivo, fixo chegar esta necesidade aos grupos parlamentarios do PSdeG-PSOE e BNG para a súa inclusión nas emendas aos orzamentos da Xunta para 2019.