Deteñen un motorista kamikaze que circulaba sen permiso e cunha garrafa de gasolina como depósito
Por Redacción
Sen permiso de conducir, sen seguro obligatorio e sen pasar a correspondente ITV. Así circulaba un kamikaze por Pontevedra cando foi interceptado pola Policía Nacional. Pero o máis rechamante do suceso é que modificara o ciclomotor no que viaxaba, substituíndo o seu depósito de gasolina por unha garrafa de plástico. Por todo iso foi detido como presunto autor dun delito contra a seguridade do tráfico.
Os feitos sucederon sobre as 00:50 horas deste martes, cando o condutor do ciclomotor, un pontevedrés de 39 anos, foi detectado por unha patrulla de seguridade cidadá polas inmediacións da Ponte da Barca. Circulaba coas luces apagadas e cunha garrafa a modo de depósito de gasolina.
Os axentes procederon a darlle o alto pero o individuo seguiu acelerando e deuse á fuga a gran velocidade polo Paseo de Colón. Foi entón cando se iniciou unha persecución na que o home subiuse á beirarrúa da Avenida Raíña Vitoria poñendo en grave perigo aos peóns que, segundo fontes policiais, "ao seu paso tiñan que apartarse como podían". Continuou a súa fuxida polo carril contrario da rúa General Rubín onde chegou a colidir co vehículo policial.
Continuou en dirección á Praza de Galicia invadindo a zona peonil e volveu dar a volta para acceder á Autovía de Marín en dirección contraria, saltándose todos os sinais e poñendo en grave perigo a integridade doutros condutores que tiñan que esquivalo para evitar a colisión.
Lograron interceptalo na rotonda que dá acceso ao porto de Marín, circulando en dirección contraria, e onde perdeu o control da motocicleta que impactou co vehículo policial de Marín que colaborara coa patrulla de Pontevedra. Detivérono malia presentar unha forte resistencia, proferindo insultos cara aos axentes e golpeou coa cabeza de xeito reiterado a mampara do vehículo policial.
Foi detido por un delito contra a seguridade do tráfico, pero non foi trasladado inicialmente á Comisaría, senón a un centro hospitalario para seren atendido das lesións que sufriu. Xa foi posto a disposición xudicial. Quedou en liberdade con cargos.