Manuel Fariña, proclamado candidato do BNG co obxectivo de "recuperar a autoestima e o orgullo de ser de Caldas"
Por Redacción
O actual voceiro municipal do BNG de Caldas de Reis, Manuel Fariña, acaba de ser nomeado por aclamación como candidato do partido nacionalista á Alcaldía deste municipio nas próximas eleccións municipais de 2019.
A asemblea local do BNG de Caldas aprobou o seu nomeamento por aclamación e, unha vez elixido, o xa novo candidato salientou que o obxectivo do partido é mellorar a calidade de vida dos veciños, "recuperando a autoestima e o orgullo de ser de Caldas".
Na súa intervención na asemblea que o elixíu, Manuel Fariña afirmou que afronta o reto con ilusión e sentido da responsabilidade e destacou que se sinte cómodo porque "estou arroupado por un feixe de homes e mulleres que queren a Caldas e que traballan día a día por facer un concello mellor".
Ademais, destacou que Caldas necesita "un tempo novo" e "fuxir das rutinas e deixadez" do actual goberno local, de quen asegura que leva anos instalado nun "estancamento". Ese tempo novo, na súa opinión, só pode chegar da man do BNG.
O candidato animou aos membros da asemblea local a traballar duro e ir a por todas "porque de nós, do noso traballo, da nosa entrega, vai depender que Caldas poida iniciar unha nova xeira de dinamismo e prosperidade.
Dos seus compañeiros destacou que son persoas "honestas, capaces e cunha grande capacidade de traballar en equipo para que as cousas funcionen".