O PP loitará pola Alcaldía de Caldas de Reis con Fernando Pérez como candidato
Por Redacción
O economista Fernando Pérez Domínguez, actual concelleiro de Independentes de Caldas de Reis (ICdR), cambia de filas e encabezará a candidatura do Partido Popular nas eleccións municipais de 2019. A súa proposta foi ratificada este martes pola dirección provincial do PP.
Tras meses de negociación, Fernando Pérez dá o paso e únese ao PP como independente. Foi, ata o de agora, o cabeza de lista do recentemente disolto ICdR nos anos 2007, 2011 e 2015.
A súa candidatura, segundo Alfonso Rueda, é unha "boa noticia" para os populares de Caldas.
"É unha persoa con experiencia, que coñece perfectamente o concello e as súas necesidades e cun proxecto ambicioso e que vai ilusionar aos veciños e facer do PP unha verdadeira alternativa de goberno en Caldas", sinalou o presidente provincial.
Rueda agradeceu a Fernando a súa "valentía" ao dar un paso adiante e aceptar o reto de ser o candidato do PP. É unha decisión "xenerosa", salientou, "que amosa a súa implicación activa no Partido Popular".
Ademais, o presidente dos populares de Pontevedra incidiu en que hai "moito traballo por diante" cara as municipais de 2019, pero amosouse convencido de que o candidato "será capaz de ilusionar e levantar o ánimo" aos seus votantes.
Para conseguir a Alcaldía, concluíu Rueda, é "fundamental" o traballo, estar a pé de rúa ou explicar cal é o proxecto do Partido Popular ante un goberno "desgastado e esgotado" como o de Caldas, pero tamén na unidade do partido e que o candidato "se sinta arroupado".