O CHOP nega as "coaccións, ameazas ou represalias" denunciadas polos médicos críticos
Por Redacción
O Complexo Hospitalario de Pontevedra asegura que é "absolutamente falso" que se abrira expediente a tres médicos por críticas á xerencia, como denunciaron un colectivo de facultativos do centro.
Segundo explica o CHOP nun comunicado, dos tres expedientes aos que se fai referencia, abertos pola Inspección Médica, un iniciouse no mes de outubro de 2010, pola negativa a atender a un paciente e os outros dous, en abril de 2011, por graves descalificaciones persoais e profesionais a outros compañeiros facultativos.
"Non teñen, xa que logo, nin a máis mínima relación con críticas á xerencia e, moito menos, cun escrito feito público en outubro de 2012", di o comunicado. Desde o CHOP insisten en que "por parte do equipo directivo tampouco se realizaron nin chamadas, nin coaccións, nin ameazas, nin represalias de ningún tipo aos firmantes do escrito".
En canto aos cambios nas xefaturas de servizo reiteran que todas as convocadas no Complexo "fixéronse mediante concurso público e por imperativo legal, para cumprir as esixencias da lexislación vigente". O único cese remóntase, asegura o centro, a hai un ano e medio, por mal funcionamento do servizo. "Tralo cambio na xefatura, a mellora dos resultados asistenciales deste departamento e do clima laboral no mesmo, é fácilmente comprobable para calquera que coñeza o hospital".
A dirección do CHOP afirma que todas as medidas de xestión que se tomaron para facer fronte á situación de crise económica, "teñen por obxectivo garantir unha asistencia sanitaria pública de calidade, sempre dentro do máximo respecto e salvagardando os dereitos dos profesionais do Complexo".
Conclúe o comunicado que a dirección do Complexo Hospitalario de Pontevedra fai un chamamento a todos os profesionais "para centrarnos no fundamental da nosa responsabilidade, que é o beneficio do paciente, dentro dunha liña de diálogo, colaboración e respecto".
Relacionadas:
-
O TSXG recrimina ao xerente do CHOP a forma en que cesou un xefe de servizo
Por Redacción |
-
Os médicos do CHOP críticos co xerente denuncian ameazas tras facer públicas as súas queixas
Por Diego Espiño |
-
O xerente do CHOP resposta ás críticas dos médicos pola mala situación laboral
Por Oskar Viéitez |
-
75 facultativos molestos polo "desagradable clima laboral" do CHOP
Por Oskar Viéitez |