A UNED achega ao seu alumnado ás mulleres científicas
Por Redacción
A exposición 'Las mujeres científicas: la evidencia de sus investigaciones' que a biblioteca central da UNED leva promovendo desde o ano 2016 acaba de aterrar en Pontevedra para recoñecer e visibilizar o papel desenvolvido polas mulleres ao longo da historia na ciencia.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a directora da UNED, María Troncoso; e a profesora universitaria María Álvarez Lires inauguraron a mostra este venres no centro asociado de Pontevedra.
'Las mujeres científicas: la evidencia de sus investigaciones' leva dous anos e medio percorrendo centros asociados da UNED de toda España. Aparecen na mostra mulleres tan relevantes como Hypatia de Alejandría, María Winckelmann Kirch, Gabrielle Émilie du Châtelet, Carolina Lucretia Herschel, Wang Zhenyi, Martha Coston, Annie Jump, Marie Skolodowska Curie, Harriet Brooks, Lise Meitner, Edith Hinkley Quimby, Katharine Burr Blodgett, Cecilia Payne Herschel, María Goeppert Mayer, Chien Shiung Wu, Rosalind Franklin, Martha Jane Bergin Thomas e Jocelyn Bell Burnell.
Durante a inauguración, a presidenta da Deputación amosou a súa preocupación pola redución do número de matrículas de mulleres en carreiras de STEM (siglas de ciencia, tecnoloxía, enxeñería e matemáticas) e instou ás administracións competentes a impulsar un modelo educativo diferente que permita educar en igualdade ás nenas e aos nenos. "É imprescindible recibir a mesma formación, as mesmas mensaxes educativas e poñer en marcha un modelo educativo que aposte pola igualdade", destacou Silva.
A presidenta fixo fincapé en que pese a que as mulleres sacan mellores notas en matemáticas desde primaria e ocupan o 55% das persoas que se matriculan e rematan estudos universitarios, nas carreiras científicas cada vez son menos, feito que demostra que "dende que nacemos como nenas se nos orienta cara onde temos que dedicar a nosa vida, dende que nacemos xa se nos poñen teitos de formigón e, como se nos dirixe cara ao coidado non entendemos que podemos dedicarnos ás carreiras técnicas".
Silva destacou que se as mulleres non se matriculan nas carreiras de STEM os homes, que son máis do 70% das persoas que se matriculan nestas carreiras, seguirán dirixindo o mundo.
Relacionadas:
-
A UNED presenta os seus cursos de verán
Por Redacción |
-
A Deputación promove axudas para proxectos medioambientais e científicos nos centros educativos
Por Redacción |
-
Cinco científicas galegas de renome reivindicarán en Pontevedra un papel destacado da muller na ciencia
Por Redacción |
-
O Frei Martín Sarmiento acollerá unha exposición para visibilizar ás mulleres científicas
Por Redacción |