Avanzan as obras de ampliación do camiño principal de Tourón
Por Redacción
Meses despois de resolver o problema de entrada ao camiño principal de Tourón, o goberno municipal de Ponte Caldelas puxo en marcha a segunda fase da ampliación deste viario polo que, a causa da súa limitada anchura, non pasan os vehículos de emerxencias e resulta imposible que se crucen dous coches.
Este camiño dá acceso a unhas 46 vivendas. As novas obras nel comezaron pola conexión de varios camiños laterais e a escavación da rocha viva dun dos laterais nesta zona, que, ademais de poboada, presenta serias complicacións orográficas.
Os traballos de retirada da pedra realízanse con maquinaria onde é posible, pero tamén a man nalgúns puntos, diante da proximidade das vivendas, hórreos e algún alpendre. Ao mesmo tempo, están a xurdir algunhas dificultades pola necesidade de rebaixar as cotas das tubaxes de pluviais existentes.
O resultado das obras é que o camiño central, que como é habitual no rural ten anchura variable con estreitamentos puntuais que apenas chegan aos dous metros, terá unha sección máis que suficiente con ata sete metros nalgúns tramos, para mellorar a calidade de vida dun dos barrios máis densamente poboados de Ponte Caldelas.
O goberno local está moi agradecido á veciñanza de Tourón, que cedeu os terreos necesarios para facer a obra.
O Concello comprometeuse xa coa veciñanza a realizar a terceira fase no ano próximo, coa intención de chegar ao remate do camiño central de Tourón nas proximidades da área arqueolóxica. Non obstante, se non é posible completar todo o percorrido, que ten un quilómetro de lonxitude, haberá unha cuarta fase ata rematar a obra.