O Concello acondiciona o camiño do barrio da Sorreira
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas comeza o ano coa mesma tónica de todo o mandato e estes días reparou o camiño principal do barrio da Sorreira.
A actuación, que responde a unha petición veciñal, dá resposta aos problemas que presentaba a vía. As zonas máis deterioradas foron acondicionadas cunha nova capa de formigón.
A actuación, que beneficia a unha ducia de casas aproximadamente, era moi necesaria diante das características deste camiño, que presenta unha forte pendente e ademais é moi estreito e acolle moitas construcións apegadas ás súas beiras.
Para garantir o bo agarre dos vehículos optouse por pavimento de formigón e, ademais, raiado, pois o asfalto non proporcionaría unhas prestacións axeitadas, especialmente nas épocas do ano con risco de xeada.
O Goberno local (PSdeG-PSOE, AVP e BNG) acometeu esta actuación dando resposta ás inquedanzas da veciñanza e tamén atendendo a un criterio de repartir as obras do rural entre todos os barrios e parroquias.