Ponte Caldelas acondiciona as piscinas comunitarias en Xustáns e Tourón
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas vén de limpar e acondicionar a pequena piscina construída polos veciños de Tourón e un pozo en Xustáns. Ambos espazos son moi utilizados durante o verán.
O goberno local colabora cos veciños acometendo unha completa limpeza anual non só destas infraestruturas coas que a veciñanza combate a calor durante o verán, senón tamén da súa contorna.
A piscina de Tourón foi construída polos veciños no ano 2000 aproveitando un pequeno manancial e un regato. A estrutura aproveitou unha zona rochosa para crear un vaso, perfectamente impermeabilizado e valado. Está a carón dunha pía de lavar a roupa e dunha área recreativa. O conxunto, situado moi preto da área arqueolóxica, complétase cun parque infantil que si é municipal.
En Xustáns, a veciñanza e moi especialmente os máis novos do lugar, aproveitan un pozo rectangular de abastecemento para os medios de extinción de incendios. Está abastecido tamén por un manancial e unha fonte a carón dunha pequena carballeira.