A Lama negocia cos veciños a cesión de terreos para mellorar a estrada de Caroi
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, convocou aos veciños do lugar de Barbeira de Arriba a unha asemblea para informarlles dos avances no proxecto de mellora da estrada de Caroi ao seu paso por esta localidade e que se afrontará de forma inmediata, para o que se precisa a cesión dos terreos necesarios para acometer a súa execución a cal ten un orzamento que alcanza os 940.182,85 euros.
O tramo obxecto da obra que acometerá a Deputación de Pontevedra esténdese ao longo de 1,8 quilómetros aproximadamente e conecta o municipio da Lama co veciño de Cerdedo-Cotobade pola parroquia de Caroi. Quedara sen executar nas melloras emprendidas polo ente provincial nesta estrada, provocando unha situación de incomodidade e inseguridade importante aos veciños da zona e aos usuarios desta vía con episodios curiosos protagonizados por algún que outro camión que quedou atrapado nunha das súas curvas, recentemente mellorada.
A estrada pasará a ter unha plataforma de case seis metros de ancho (2,75 metros por carril, ademais de 0,50 de beiravía a ambos os dous lados e unha cuneta de 1 metro de ancho na marxe dereita) e eliminarase algunha das súas curvas que fan do seu trazado sinuoso un dos peores dos existentes na rede provincial de estradas.
Os veciños mostraron a súa boa disposición a colaborar e acceder á cesión dos terreos necesarios para acometer esta obra de mellora na seguridade viaria da estrada e manifestaron a súa satisfacción porque ao fin se vaia a cometer esta importante obra para a normal comunicación dos residentes no lugar de Barbeira de Arriba coa centralidade do municipio e a súa conexión tamén co de Cerdedo-Cotobade.
Finalmente o alcalde, Jorge Canda, agradeceu a colaboración mostrada polos veciños e animoulles a axudar ao Concello na tarefa de identificar os propietarios das leiras afectadas para poder poñelas canto antes a disposición da Deputación de Pontevedra para que se poida iniciar a obra.