A Lama destinará 165.000 euros a obras en Borralleiro, Xesta, Barbeira de Arriba, Covelo, Cendón e Gaxate
Por Redacción
O pleno municipal da Lama aprobou dedicar 165.970,75 euros do remanente de tesourería a realizar varias obras.
En concreto entre as actuacións previstas atópanse o arranxo da contorna da Casa do Pobo do Borralleiro, a mellora e ampliación dun parque público na parroquia de Xesta, así como un camiño nesta localidade, a pavimentación e sobreancho en viarios e camiños de Barbeira de Arriba-Covelo, Cendón Seixido e Forno-Pelete-Covelo.
Tamén se levará a cabo a humanización da Praza da Ponte en Gaxate coa que se pretende dar solución a un problema de humidade que afecta os baixos do teleclub.
Por outra banda, o pleno aprobou tamén por unanimidade fixar como festivos locais o 26 de xullo (festas de San Xoaquín e Santa Ana) e o 5 de agosto (festa de As Ermitas).
Outro asunto tratado foi a aprobación da ordenanza de uso da lingua galega na administración local, e no apartado de rogos e preguntas o portavoz socialista, Enrique Vaqueiro, solicitou ao grupo de goberno que xestionase coa empresa adxudicataria das obras da estrada de Seixido para que instale un semáforo provisional no desvío habilitado pola Gaiola e Casabella ante os incidentes de tráfico ocorridos na zona.