Os socialistas entenden a renuncia de José Balseiros coma "unha falla de compromiso" con Cerdedo-Cotobade
Por Oskar Viéitez
No pleno do Concello celebrado este venres foi tratado como primeiro punto da orde do día a renuncia de José Balseiros como vicepresidente da xestora de Cerdedo-Cotobade logo de ser nomeado director xeral de Gandaría e Agricultura da Xunta.
Na sesión o grupo municipal socialista criticou que "faltoulle tempo o señor Balseiros para abandonar o barco" despois de ser xunto con Jorge Cubela o principal impulsor da fusión do actual concello "sen que os veciños e veciñas puideran decidir, ou o que é máis importante, sen ter estudios rigurosos que avalaran dita fusión".
Os concelleiros do PSdeG consideran que a súa renuncia é "unha falla de compromiso, rigor e respecto sobre todo para os veciños e veciñas de Cerdedo que o apoiaron maioritariamente nas eleccións municipais".
Lembraron que "dende o principio" xa tiñan advertido que "tanto Jorge Cubela como José Balseiros tiñan máis interés en promocionarse políticamente que en preocuparse pola situación actual dos concellos fusionados, e tardaron ben pouco en demostralo".
Finalmente a portavoz dos socialistas, Lina Garrido, asegurou que a "herdanza" que deixa José Balseiros é unha deuda inicial importante, informes desfavorables na súa xestión política, "unha rede clientelar e de favores", 200 personas desaparecidas no padrón "sen ter quen de xustificar nada o respecto" e "non acadar para nada os obxectivos da fusión: fixar poboación no rural, creación de emprego ou aforro económico".