O PP amosa o seu "orgullo" por Balseiros fronte ás críticas dos socialistas
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Cerdedo-Cotobade calificou de "orgullo" o seu sentimento pola traxectoria e o traballo do ex alcalde de Cerdedo e ex vicepresidente municipal, José Balseiros, "xa que foi unha figura clave nas dúas últimas décadas para este territorio e liderou a tranformación urbana e rural de Cerdedo".
Ademais, deixou claro o "compromiso" con Cerdedo-Cotobade do novo director xeral de Agricultura e Gandaría da Xunta de Galicia que "simplemente aceptou unha gran oportunidade para a súa vida profesional e política".
"Vai ser bastante máis útil e vai aportar bastante máis á calidade de vida e aos servizos públicos dos veciños desde a Xunta do que o foi o PSOE para este territorio desde a oposición, xa que o bagaxe dos socialistas sitúase entre cero ou negativo", sinalaron.
Os populares defenderon o "peso extraordinario" da figura de José Balseiros no territorio de Cerdedo e no interior da provincia e lamentaron que os socialistas aproveitaran para criticar a dación de conta da súa renuncia nun pleno extraordinario.
Finalmente, e ante as acusacións socialistas de "fuxida", o PP de Cerdedo-Cotobade puntualizou que "a postura covarde e de abandonar o barco non foi a de Balseiros, que foi coherente e respectuoso ante unha oportunidade, senón a de Lina Garrido cando deixou tirado ao BNG e cambiou de principios e ideoloxía para pasarse ao PSOE ou a do concelleiro Xoel Vázquez que leva máis dun ano sen atender aos veciños nin pasarse polos plenos, que é onde teoricamente os representa".