A ponte de Monte Porreiro pasará a mans do Concello
Por Alejandro Espiño
Sete anos despois de construírse, a ponte que une Lérez con Monte Porreiro está máis preto de pasar a mans do Concello de Pontevedra. O goberno municipal negocia coa Deputación un convenio que permitiría asumir a xestión desta infraestrutura.
O viario, coñecido como Ponte das Palabras, cumpre desde o primeiro día a función para a que foi construído, pero xamais foi recepcionado polo Concello, xa que a institución provincial nunca entregou a acta correspondente.
Desa forma, a administración municipal nunca se fixo cargo do que estipula o convenio inicial, que unha vez construído o seu mantemento correspondería ao Concello.
Agora, ambas as partes queren poñer fin a esta situación, pero os técnicos municipais advirten que, antes de que a titularidade pase ao Concello, débense solucionar unha serie de deficiencias detectadas na ponte, como consecuencia do paso do tempo.
No informe redactado polos enxeñeiros do Concello, considérase necesario devolver á ponte as "condicións mínimas" para a súa recepción.
A este respecto, reclaman a limpeza e a roza das marxes da ponte, a reposición da sinalización horizontal, o repintado da zona de coexistencia entre peóns e bicicletas ou a renovación dos bolardos e os fitos quilométricos.
Ademais, os técnicos tamén solicitan que se retire o resalto existente antes da glorieta de Médico Ballina e a súa substitución por un lombo que ocupe toda a calzada e o espazo peonil e ciclista, ao que se sumaría un segundo lombo de características similares e a limitación da velocidade na ponte a 30 quilómetros por hora.
Este informe, que foi aprobado xa pola Xunta de Goberno municipal, será trasladado á Deputación de Pontevedra.