Visitas ás obras financiadas pola Deputación en Meis e Barro
Por Oskar Viéitez
Os deputados Carlos López Font e Uxío Benítez visitaron este venres proxectos financiados polo ente provincial, a través do Plan de Reequilibrio e o Plan Concellos.
O deputado de Cooperación, Carlos López Font, acompañado do concelleiro de Urbanismo de Meis, Eugenio Fernández, acudiu ás obras de reforma e adecuación da Praza de España de Mosteiro, no concello de Meis, para eliminar as barreiras arquitectónicas existentes e adaptar dito espazo ás necesidades das persoas con diversidade funcional.
A obra conta cun orzamento total de 297.170,81 euros.
Pola súa banda o deputado de Mobilidade Uxío Benítez supervisou xunto ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, as obras de mellora realizadas pola Deputación nun treito de medio quilómetro da estrada provincial EP-0503 Mané-Rebón.
O responsable provincial explicou que coa actuación dáse resposta a unha demanda do Concello para un lugar no que, entre outras cousas, a estrada sufre un estreitamento e precisaba dunha maior seguridade vial.
Benítez indicou que a obra foi adxudicada á empresa Nemesio Ordóñez por 74.200,44 euros. Explicou que se fixo un retranqueo progresivo do muro lateral que agora permite aos vehículos mellorar a súa visibilidade, pero tamén advertilos da zona estreita que se crea pola existencia de dúas casas.
Ademáis creouse unha zona velocidade limitada a 30 quilómetros hora cun paso de peóns sobreelevado e un redutor físico de velocidade que permiten un axeitado calmado do tráfico, e se pavimentou un treito duns 500 metros dende a glorieta.