Carballedo estrea aula de informática e renova o arquivo municipal
Por Redacción
O edificio cultural de Carballedo, anexo ao centro de saúde, vén de estrear unha moderna aula de informática e de renovar as estancias que albergan o arquivo municipal do Concello de Cerdedo-Cotobade grazas ao financiamento da Consellería de Cultura.
A actuación consistíu na habilitación dun espazo tecnolóxico dotado de equipamentos e ordenadores de última xeración que favorecerán o desenvolvemento de accións formativas de alfabetización dixital e cursos máis avanzados, así como unha obra de reorganización de espazos e acondicionamento das salas que acollen a documentación municipal.
Por este motivo, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o presidente municipal, Jorge Cubela, acompañados polos concelleiros Fernando Vázquez e Bruno Portela, fixeron un percorrido por estas instalacións e procederon á súa inauguración, que ademais coincidiu coas derradeiras clases do curso de informática organizado pola asociación de Mulleres en Igualdade de Cerdedo-Cotobade, A Lama e Ponte Caldelas.