Infraestruturas renova o asfaltado na estrada vella de Marín ao seu paso por Lourizán
Por Oskar Viéitez
A Consellería de Infraestruturas iniciou este xoves as obras de reforzo do firme na estrada PO-546, a estrada vella de Marín, ao seu paso pola parroquia pontevedresa de Lourizán.
Os traballos, que contan cun orzamento de case 46.000 euros, suporán o reforzo do firme localizado no carril esquerdo.
O obxectivo da obra é a rehabilitación estrutural deste firme que se atopa moi afectado polo tránsito de vehículos. Para reparar a calzada neste tramo vai ser necesario demoler a totalidade das capas de firme e repoñelo a continuación. A reposición farase cunha lousa de formigón de máis de dous capas de aglomerado.
Tamén é necesario cortar o tráfico no carril esquerdo, onde se está a levar a cabo a actuación, dando paso alternativo polo dereito.
O delegado territorial da Xunta, Jose Manuel Cores Tourís, pediu comprensión aos condutores, xa que "somos conscientes dos inconvintes que ten sempre o corte dun carril". Por iso intentarase axilizar o máximo posible as obras, que teñen un prazo de execución dun mes "pero que estarán rematadas, se o tempo nolo permite, en preto de dúas semanas", engadiu o delegado territorial.
A maiores, tamén se reporán cinco tapas de servizos, xa que estaban a causar un importante malestar aos veciños, tanto polo ruído que causaban como polas vibracións que estaban a xerar.