O saneamento de Verducido, "pistoletazo de saída" para os investimentos do contrato da auga

Por Alejandro Espiño
Xusto despois de Reis, en xaneiro, comezarán a executarse os investimentos que, por valor de 58 millóns de euros, executará a empresa Viaqua nas redes de abastecemento de auga e saneamento. Son traballos comprometidos no novo contrato deste servizo, que a compañía se adxudicou polo próximos vinte anos.
A este diñeiro sumaranse outros sete millóns, procedentes do canon da auga, que se destinarán a obras que impulsará o propio Concello, e tres millóns adicionais que, en virtude deste novo contrato, serán para mellorar as redes xa existentes.
Para a programación destes traballos que, na súa maior parte, deben estar executados no próximos tres anos, responsables municipais reuníronse este mércores coa empresa Viaqua para determinar as actuacións prioritarias que se realizarán durante 2019.
Así, o alcalde explicou que, en materia de saneamento, empezarase pola parroquia de Verducido. O proxecto está a ultimarse e as obras comezarán en xaneiro. O seu tempo de execución dependerá da obtención dos terreos e da complexidade técnica e, tras realizalas, repoñeranse os viarios que teña que abrirse para instalar a rede.
Estas obras compaxinaranse, en meses posteriores, coas que se realizarán para completar a rede de saneamento en Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Campañó e Bora. Serán, en total, proxectos valorados nuns 20 millóns de euros que serán redactados entre finais de ano e principios de 2019.
Con respecto ao abastecemento de auga potable, a prioridade será dotar de servizo ao futuro Gran Montecelo e, a partir de aí, ampliar a rede ás parroquias de Mourente, Tomeza, Marcón, Salcedo e Bora.
Outra área de traballo serán as actuacións urbanas, onde de cara o próximo ano priorizarase a reforma das redes de saneamento e auga na rúa Echegaray que, posteriormente, será remodelada en superficie; ou a mellora do bombeo da nova estación potabilizadora de Monte Porreiro.
Miguel Anxo Fernández Lores, que estivo acompañado do concelleiro responsable do Ciclo da auga, Raimundo González, destacou que estas obras serán posibles grazas ao "esforzo solidario" de todos os cidadáns de Pontevedra, ao lembrar que se financiarán con cargo ao contrato de Viaqua que, maioritariamente, pagan os habitantes do núcleo urbano.
As obras en Verducido, segundo González, será o "pistoletazo de saída" duns traballos que, só no primeiro ano supoñerá poñer en marcha proxectos por valor de 35 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Iníciase a instalación da rede separativa de augas na rúa Porta Grande
Por Redacción |
-
Echegaray renovará o seu aspecto tras o cambio das redes de auga e saneamento
Por Alejandro Espiño |
-
Campañó completará o seu saneamento con 1.8 millóns de euros en obras
Por Alejandro Espiño |
-
O saneamento de Verducido, en obras antes de que acabe o mes
Por Redacción |
-
O PP critica que algunhas casas do rural quedan fóra do proxecto de saneamento de Viaqua
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello convoca asembleas veciñais para informar dos novos proxectos de saneamento no rural
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra, ante o maior volume de obras da súa historia
Por Alejandro Espiño |
-
Pontevedra instalará na rúa cargadores gratuítos para dispositivos móbiles
Por Alejandro Espiño |
-
Viaqua analizará a auga de Pontevedra nun laboratorio propio e construirá unha minicentral eléctrica no Lérez
Por Alejandro Espiño |
-
Viaqua converterá Pontevedra no "escaparate" dun novo modelo de xestión da auga
Por Alejandro Espiño |