O Concello convoca asembleas veciñais para informar dos novos proxectos de saneamento no rural
![Oskar](/web/cache/scene/uploads/xornalistas/foto/b40/_S7QytKoutjK3UsovKMnMzytWsi62MjSxUqrKz891Lsov0DEyAC_/_Il61oA_/573b7bbf54-perfil.jpg)
Por Oskar Viéitez
O Concello de Pontevedra continuará nas vindeiras semanas coas asembleas nas parroquias do rural nas que está previsto iniciar proxectos de saneamento no vindeiro ano. A primeira foi a pasada semana na parroquia de Verducido, onde está programado un investimento de 4,7 millóns de euros.
O concelleiro responsable do ciclo da auga, Raimundo González, explicou este lunes que foi unha asemblea moi numerosa, á que asistiron uns 130 veciños. No encontro amosóuselles o borrador dos proxectos de toda a rede de saneamento da parroquia e recolléronse as suxestións dos asistentes.
A maior parte da obra está proxectada por vías públicas, camiños de servidume ou polos accesos ás propiedades, "por iso era mellor presentarlle o proxecto aos veciños e que eles opinen sobre estas cuestións", explicou Raimundo González. Os asistentes non amosaron problemas a este respecto e ofreceron toda a súa colaboración para pór en marcha o saneamento da parroquia, a única do rural que non conta con ningún tramo.
A próxima reunión será na parroquia de Campañó, onde está previsto conectar Campañó de Arriba á rede de sumidoiros. O investimento sería superior aos 4,1 millóns de euros.
Os concelleiros continuarán as asembleas por Santa María de Xeve, Santo André de Xeve, Alba, Cerponzóns, Bora e Lourizán.